- Categoría: Monumento
- Ruta: Ruta dos Bolos - Etapa Pena Corneira
O macizo granítico de Pena Corneira reúne un interese especial pola singularidade dos seus valores científicos, culturais e paisaxísticos, constituíndo un lugar moi atractivo para xeólogos de nivel internacional. En Pena Corneira atópase un espectacular "corno" de granito de dez metros en vertical, que dá nome a esta formación. O saliente álzase sobre outras grandes rochas para asomar íntegro entre a vexetación. Trátase do monumento natural (foi declarado en 2006) con maior extensión de Galicia. Conta cunha superficie aproximada de 998 ha.
Pena Corneira é, xunto ao Faro das Laceiras, un dos dous referentes visuais desde case calquera punto do val do Avia. A erosión descubriu estes penedos e moldeounos, salpicando os suaves outeiros dos innumerables "bolos" de granito, de formas redondeadas e de gran tamaño. Amontoados ou deixando corredores entre paredes pétreas. Ao longo da serra encontrarás moitas rochas de curioso aspecto ou combinación. Os veciños puxeron nome propio a varios dos bolos: Outeiro da campá (soa ao golpear a súa superficie), Outeiro dos forniños, Outeiro do lagarto (con forma de lagarto), Outeiro da bañeira do demo (dise que o demo se bañaba nela porque é moi grande).
O municipio que alberga unha maior superficie deste espazo natural protexido é o de Carballeda de Avia, seguido dos concellos de Leiro e Avión, todos na comarca do Ribeiro. Dende o punto de vista xeolóxico, trátase dunha prolongación ao noroeste da veciña serra do Suído, entre as concas do río Avia e do Miño. A súa orixe reside nunha masa plutónica batolítica de 18 km. en sentido meridiano e 7 km. en sentido suroeste-nordeste, froito dunha masa de magma que se solidificou a causa da estrutura profunda dun antigo volcán. Hai aproximadamente uns 300 millóns de anos.