Atravesando as aldeas deshabitadas de Sariñás e Xunqueira chegaremos ás Fermosas. Antes de entrar na aldea, a ambos os dous lados do río Maquiáns encóntranse cinco muíños rehabilitados no ano 2009 por un taller de emprego municipal. A dous deles accédese desviándose á dereita do sendeiro principal e atravesando unha pequena ponte de madeira baixo a sombra dos bidueiros.
Os outros tres muíños encóntranse no lado contrario do regato, rodeados de árbores autóctonas e abundantes fentos reais. Destaca a súa situación para aproveitar a escarpada orografía do terreo. Todas as construcións están abertas para poder pasar ao interior e ver a "moa". Xusto na entrada do camiño que conduce a este conxunto, pódense ver dous enormes carballos centenarios ocos por dentro.
Neste punto comeza a serra de Pena Corneira, que se estende cara ao punto máis alto, do mesmo nome, polo noroeste. O lugar exacto está marcado cun indicador.
Ao chegar á aldea das Fermosas hai un tramo de camiño empedrado que se desvía ao Curro das Laceiras e nun lateral deste, unha fonte pública onde repoñer forzas e un miradoiro con “canastros” (hórreos).
